sábado, 2 de março de 2013

“Judíos, Conversos e Inquisición en Tui" (2013) de Xesús Vila



Judíos, Conversos e Inquisición en Tui" (2013) de Xesús Vila

O rico legado xudeo conservado na cidade de Tui impulsa este traballo para tratar de comprender non só a presenza xudea na cidade medieval senón e tamén todo o proceso posterior á expulsión en 1492 que levou a conversión forzosa da minoría xudea penínsular e a consecuente conflictividade social que posibilitou unha actuación profunda e despiadada por parte do Santo Oficio.

A comunidade xudea de Tui caracterizouse por contar con todos os elementos propios para unha boa dinámica da comunidade: Cemeterio, Sinagoga, Carniceiría. Xunto a isto os membros da comunidade tudense ocuparon diferentes partes da cidade miñota nun reflexo da súa integración na cidade episcopal.

A expulsión dos xudeos ou a súa obrigada conversión refletiríase na documentación capitular tudense. Os conversos que quedaron xunto cos que viñeron a través de Portugal favoreceron agrupamentos e relacións entre as familias conversas. As delacións ao Santo Oficio provocadas por envexas e desconfianzas cara a un colectivo con gran capacidade económica e política, traerá consigo numerosos procesos inquisitoriais ao longo dos séculos XVI e XVII, cuxa testemuña máis notable serán os Sambenitos da Catedral de Tui, únicos conservados en España.

O patrimonio histórico tudense tamén se nutre de elementos singulares ademais dos tradicionais. Entre eles están o relacionado coa comunidade xudea e conversa que aportaron un conxunto de obras e elementos arquitectónicos (casas pertencentes á comunidade medieval ou a Torre do Xudeo da muralla da cidade), a menorá do claustro catedralicio, a pratería da catedral obra de prateiros xudeos e conversos, ou os sambenitos como testemuña dunha época de intolerancia e de obsesión pola unidade relixiosa.

O autor
 
Xesús Víla, é licenciado en Xeografla e Historia pola UNED posgrado en Historia, Teoría e Método das Humanidades e as Ciencias Sociais (USC). Master en Lecturas sobre a Cidade Histórica Arte. Patrimonio Cultural e a súa Xestión (USC) Ten publicado diferentes libros de arte, historia e antropoloxía sobre a cidade de Tui e a súa bisbarra entre outros “O Tui esquecido” (1999) “Pazos e Casas de Tui e Valença” (2000) “Tui e Valença nos séculos XI a XV” (2001) “Antiguas fiestas” (2003) “Xudeus e Conversos en Tui” (2004) “Corpo Santo/San Telmo” (2009) Obtivo o segundo premio da Historia Medieval de Galicia e Portugal 2006 polo seu traballo “A Cidade de Tui durante a baixa Idade Media” e o Primeiro Premio de Historia Medieval de Galicia e Portugal no 2009 polo seu traballo “A Casa de Soutomaior 1147-1532”. Nestes momentos está a realizar a tese doutoral sobre “Dinámicas urbanas en la frontera del Miño durante el siglo XIX. Sociedad y arquitectura en Tui y Valença”


sexta-feira, 1 de março de 2013

Götz e Meyer, de David Albahari

P

Setenta anos despois do comezo definitivo do exterminio xudeu por parte da Alemaña nazi, a Shoa segue a ser un tema de actualidade na literatura europea actual. David Albahari expón en Götz e Meyer a súa particular visión do conflito, centrada nun dos episodios máis cruentos do proceso aniquilador da comunidade xudía que se levou a cabo nos anos da Segunda Guerra Mundial: unha vez que os soldados nazis fusilaron á meirande parte dos presos xudeus do campo de concentración da Feira Internacional de Belgrado, asasinaron as mulleres, anciáns en nenos con emisións de monóxido de carbono do tubo de escape dos camións que usaban para trasladalos a Jajinci, onde se desfacían dos corpos. 
A novela de Albahari, un desacougante punto e seguido que chega a saturar, é a historia dun profesor serbio que, tentando reconstruír a súa árbore xenealóxica descobre a Götz e Meyer, os suboficiais nazis encargados de conducir o Saurer no que se transportaban os corpos e que, probablemente, colaboraron no asasinato dalgúns dos seus familiares que morreron nese campo de concentración. A teima do profesor por comprender o terrible episodio da súa historia familiar, converte a Götz e a Meyer nunha fixación que o obsesiona na súa vida cotiá, ata o punto de trasladar a súa cisma ao alumnado: leva aos rapaces e ás rapazas a percorrer en autobús os antigos terreos do campos de concentración de Belgrado mentres lles relata a historia de Adam, un neno que conseguiu sobrevivir ás emisións de monóxido de carbono do camión grazas a unha máscara antigás pero que foi asasinado por un militar nazi cando o descubriu. O angustioso relato desacouga aos rapaces que se converten en depositarios da memoria dun episodio da historia recente que debe ser recordado sempre porque, como se di na novela, “A memoria, dixen, é o único xeito de vence-la morte”.

Xunto á cuestión da memoria dos vencidos e dos ausentes planea na novela a reflexión sobre os colaboradores do xenocidio, representados nas figuras de Götz e Meyer, os executantes últimos das atrocidades do réxime nazi. Homes con familia, con fillos no caso de Götz, coma os que asasinan, que aceptan exercer de  verdugos das vítimas da tolemia hitleriana. Son quen de agasallar aos nenos con bombóns no campo de concentración e asfixialos pouco despois no Saurer que conducen.

A novela non aporta demasiadas novidades respecto a estes dous temas principais salvo, quizais, a particularidade de situar a acción na desaparecida Iugoslavia na que o tema da memoria adquire unha sobre significación. A descrición das atrocidades da guerra e a recorrencia á polémica pregunta de onde estaba Deus en Auschwitz súmanse á lista de lugares comúns cos que Albahari traballa no texto. Aínda así, a lectura da novela resulta proveitosa tanto pola intelixente escritura de moitas das súas páxinas, cargadas de sutil ironía e certo lirismo, como pola pertinencia da denuncia dun dos episodios máis vergoñentos da historia europea recente pois, como se di na novela, “Non hai nada mais terrible có baleiro, nada máis presente co ausente”